O ALUMNADO DO ISIDORA RIESTRA VISITA A ILLA DE TAMBO A TRAVÉS DO PROGRAMA DE EXCURSIÓNS GUIADAS PROMOVIDO POR TURISMO E PROMOCIÓN ECONÓMICA

12/01/2024

2023.

O alumnado e profesorado do CEIP Isidora Riestra de San Xoán viviu este martes unha gran xornada de convivencia nunha excursión realizada á Illa de Tambo. Trátase dunha actividade que forma parte do programa de visitas escolares que se realizan a este emblemático enclave da ría de Pontevedra, en cuxa organización participan as concellerías de Promoción Económica e Turismo. Os rapaces e rapaces non só tiveron ocasión de coñecer a gran riqueza patrimonial da illa, senón que tamén tomaron parte nun xogo na busca do tesouro, utilizando un mapa que atoparon uns días antes durante unha saída realizada polas inmediacións da Seca.

O CEIP Isidora Riestra é o terceiro centro de ensino que se suma a este programa de visitas guiadas a Tambo, logo da súa posta en marcha no pasado mes de abril. Desde entón, participaron xa estudantes do CEIP Chancelas de Combarro e do CEIP Espedregada de Raxó. Está previsto que o vindeiro 1 de xuño sexa a quenda dos alumnos e alumnas do CEIP Lourido. Pechará esta iniciativa o CEIP Viñas o mércores 14 de xuño. Estas datas poderían modificarse, en función das condicións meteorolóxicas.

A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o edil de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, valoran positivamente a resposta que está a ter esta actividade entre o tecido educativo do municipio e sinalan a importancia de que as novas xeracións poidan coñecer a historia, os atractivos e os recursos da Illa de Tambo. Ademais, lémbrase que permanecen abertas as visitas guiadas para a cidadanía, as fins de semanas e festivos. Pódese obter máis información na páxina web de Turismo de Poio (www.turismopoio.com).

NOTICIAS RELACIONADAS

Scroll al inicio