PRETO DE 800 VIVIENDAS DE POIO CONTAN XA CON COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS

12/01/2024

2023.

Preto de 800 vivendas de Poio contan a día de hoxe cun composteiro individual. “É unha cifra importante, que aspiramos a que continúe medrando, dado o interese e a demanda que están a ter este tipo de recipientes”, explica o concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás. Foi no ano 2011 cando o Concello de Poio, a través deste departamento municipal, iniciou unha campaña para o reparto gratuíto dos ‘COIN’. A aquelas primeiras 53 unidades fóronlle seguindo máis lotes, obtidos a través de diferentes liñas de axuda ou da empresa Valoriza, responsable da recollida e tratamento do lixo no municipio.

Julio Casás salienta que ao longo dos últimos meses fixéronse entrega de 225 composteiros individuais, que forman parte do lote de 800 adquiridos en 2022 polo Concello de Poio. Estes dispositivos repártense chegan en partidas de 200, polo que Casás prevé que moi pronto Poio contará con máis dun milleiro de composteiros individuais repartidos por todo o término municipal.

Desde a Concellería de Servizos Municipais continúanse a realizar charlas explicativas, con carácter semanal, no Centro de Formación da Reiboa, nas que, unha vez finalizadas, procédese á entrega dos composteiros ás persoas que presentaron unha solicitude para a súa obtención. Neste sentido, Julio Casás recorda que para facer a solicitude é necesario contactar previamente coa mestra composteira, chamando ao teléfono 604025288, no que tamén poden anotarse para participar nestes coloquios. O edil do Goberno local explica que estes novos composteiros, que inclúen aireador, tamén poden ser solicitados por aquelas veciñas e veciños que xa dispoñan dun COIN antigo na súa vivenda. Nas charlas, a propia mestra composteira do Concello é a encargada de explicar a montaxe e o uso dos recipientes, así como os beneficios que supón a compostaxe tanto desde o punto de vista medio ambiental como económico, xa que a elaboración de compost tamén supón unha redución de envío de cantidade de lixo a Sogama, o que redunda nun descenso de custes.

Ademais de composteiros individuais, as entregas semanais tamén inclúen un aireador, un manual de instrucións e un caldeiro con tapa, que se utiliza para a separación dos restos de comida no fogar. Son os mesmos recipientes que tamén se teñen entregado nos Composteiros Comunitarios operativos na parroquia de San Salvador. “Cada vez máis xente está comprometida coa compostaxe e os seus beneficios, pero non renunciamos a continuar apostando por medidas que sirvan para incrementar o número de usuarios e usuarias”, asegura Julio Casás.

O edil de Servizos Municipal lembra, por último, que o Concello tamén vén de adquirir dez biotrituradoras, que se cederán á veciñanza a través de empréstamos domiciliarios, de xeito que o seu uso sirva para reducir o número de queimas. “Iremos achegando información sobre este servizo proximamente”, conclúe o concelleiro do PSdeG-PSOE.

NOTICIAS RELACIONADAS

Scroll al inicio