SATISFACCIÓN NA COMUNIDADE ESCOLAR DO CEIP CHANCELAS TRAS CAMBIAR A PARADA DE AUTOBÚS DO ALUMNADO DE INFANTIL

13/01/2024

2023.

Satisfacción na comunidade escolar do CEIP de Chancelas, en Combarro, co cambio implantado para recoller no centro ao alumnado de infantil que utiliza o autobús para regresar ás súas casas e evitar, deste xeito, que teñan que desprazarse ata a estrada PO-308, tal e como viñan facendo desde hai anos, cos riscos evidentes que podía provocar esta situación.

Deste xeito, a medida adoptada e que xa leva funcionando unha semana, foi cambiar a entrada e saída dos nenos de 3 a 5 anos para que accedan directamente polo Camiño da Escola (o centro escolar ten dúas entradas) e evitar así que teñan que baixar ata a estrada autonómica. Finalmente é un autobús e non un microbús, como se valorou ao principio desde a xefatura territorial de Mobilidade, o que recolle aos menores pero, en todo caso, nesta primeira semana tanto a directiva do centro como as propias familias xa amosaron a súa satisfacción polo funcionamento, a comodidade e a seguridade que ofrece. “É un pequeno cambio pero que supón mellorar por completo a seguridade deste alumnado”, explica a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Foi nos últimos días de outubro cando Sabarís citou á xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, e á directora do CEIP para visitar a contorna do colexio de Chancelas e comprobar sobre o terreo os riscos aos que estaba exposto o alumnado de infantil, para buscar así unha alternativa segura para eles. A edil recoñece que garantir a seguridade dos menores era unha das prioridades do Goberno local, e polo tanto, amosa a súa satisfacción porque en menos de dous meses desde que comezou este curso, conseguiron ofrecer unha solución a un problema que se arrastraba desde hai moitos anos. 

Neste senso, a edil agradece a colaboración da Xunta e a súa dispoñibilidade para dar unha resposta urxente. “Entenderon perfectamente a nosa preocupación e os riscos que había na estrada autonómica para nenos tan pequenos”, explica a concelleira, que recoñece que leva en contacto permanente coa xefatura territorial de Infraestruturas e Mobilidade desde o inicio do curso escolar para solucionar os problemas que van xurdindo no transporte, e máis especificamente, para buscar unha solución a unha situación que non era nova pero si prioritaria este curso tanto para o novo Goberno como para a dirección do centro escolar.

NOTICIAS RELACIONADAS

Scroll al inicio